Cada día máis seres espertan do seu soño entre tebras. Cada día máis seres sinten unha pequena luz temerosa que brila tímidamente no seu corazón. Cada día máis seres nesta terra sinten que esa luceciña lles quere guiar no seu camiño. E ante ese descubrimento, espertan, e a pesar de que esa luceciña a penas pode coas tebras que lle rodean sinte a calor do seu corazón como o maior tesouro e o meirande faro para guiar os seus pasos nesta vida.
Hoxe a nosa terra está chamada para guiar a outros pobos que precisan de iluminación. A nosa terra, de todos os seres que nos sentimos de aquí, que vibramos con este arrecendo, que vivimos grazas a auga bendita no aire, que soñamos entre o mar e os castaños das fragas, garda a enerxía suficiente para arredrar os medos das nosas almas. Sacudídevos as tebras incando os pés na Terra Nai. Sentide as raices profundas que chegan desde o corazón da Terra Nai ata os vosos corazóns de luz. E veredes medrar esa luceciña que un día apareceu alimentada pola savia da nosa Terra Nai.
A Terra Nai, é a nai de todas as terras, de todos os pobos, de todos os seres que convivimos en Ela. E ela quen nos alimenta, que nos sustenta, que nos arroupa. E desde Ela que partimos no noso camiño cara o Divino, cara o espiritual. Sen Ela andaríamos sen rumbo. Sen Ela non teríamos porto a onde voltar, do que partir. Ela, nosa Terra Nai, é a nai dos nosos soños.
Que consello nos podes dar ás galegas e galegos sobre esto que nos explicas?
Non volo dou aos galegos e galegas, se non a min mesma xa que vós e eu somos o mesmo. Son unha soa conciencia cunha única raiz. O noso camiño é o mesmo camiño; se vós camiñades eu avanzo; se eu dou un paso, vós vindes comigo.
Quedannos moitos pasos que dar, e non todas e todos estamos a camiñar. Non todas e todos estamos espertos, porque nin todos nin todas foron quenes de sentir a pequena luceciña do seu corazón.
Pídovos, pídome, ser conscientes do que xa temos avanzado; ser conscientes cada día desa luceciña que xa descubrimos, ser conscientes do noso espertar. Por que xa foi o noso día peor desde que vimos a candeiña no noso corazón temerosa entre as tebras, e agora toca sentir o seu calor cada día. Por que xa foi ese día, agora debemos sentir as profundas raices pola que se alimenta esa candea para coller forza, para vivir da súa enerxía, para sentir a grandeza que temos baixo os nosos pés.
E logo sentiremos que non hai nada que nos separa da nosa Terra Nai e que somos o mesmo; e logo descubriremos o camiño espiritual para camiñar e avanzar xuntos os seres da Terra bendita na que vivimos. Pero iso é falar de máis. Iso virá logo de despois dun tempo que aínda está por vir. A iluminación de todos está agora nas mans dos adiantados que día a día sentimos a nosa candeíña iluminar o noso corazón; que percibimos como a savia da Terra Nai sube polos nosos pés para alimentala; que sentimos a súa forza e o seu Amor dentro de nós para seguir camiñando e iluminando a nosa Vida. É así como se van as tebras. É así como se dan pasos cara a Luz.
Vivide este camiño con Ledicia, Luz e Amor meus amigos luminosos.
Viviremos xuntos este camiño ledos en harmonía cósmica.
Viviremos desde a nosa terriña para toda a Terra.
Quedo convosco, sempre.
Lectura de Rexistros Akáshicos á Conciencia da Nación Galega.
Martes, 3 de febreiro do 2015.
Martes, 3 de febreiro do 2015.
No hay comentarios:
Publicar un comentario